Comeza hoxe a nosa andaina, unha viaxe fermosa polas nosas verbas, a nosa literatura, os nosos costumes, os nosos recunchos.

Coa idea de ir vivindo a nosa cultura, benvido a esta xanela na que agardamos con ilusión a túa visita.

lunes, 17 de junio de 2013

Premios REC-CURTA 2013


Por terceira vez consecutiva, os nosos alumnos son premiados pola súa participación no concurso de curtametraxes en galego, REC-CURTA, convocado por FEREGA-CECA.

Nesta ocasión, foron dous alumnos de cuarto de secundaria, Fernando Gómez Pais e Marco Antonio Álvarez Sánchez, os que, estando nomeados en tres categorías, foron galardoados a “mellor vestiario e maquillaxe” coa súa curtametraxe A Santa Compaña.

O pasado 5 de xuño tivo lugar a entrega de premios deste certame na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O acto contou coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, e a colaboración do humorista David Amor e da periodista María Solar. Estes dous profesionais da televisión foron os encargados de entregar os premios ós pequenos actores; posteriormente, mantiveron un distendido faladoiro no cal lles contaban as súas experiencias no mundo televisivo e os animaban a seguir cultivando a súa afección polo mundo audiovisual.
Grazas a esta iniciativa da Federación de Escolas Católicas, nós, dende o Departamento de Galego, podemos contribuír co talento e o traballo dos nosos alumnos, ó fomento da Lingua Galega.

                                                                              Parabéns, rapaces!






 















domingo, 9 de junio de 2013

Fausto a estatua


   
Peto de Ánimas - Augasantas(Cotobade)


   Nunha pequena aldea galega, non importa onde nin cando, vivía Fausto o canteiro. Non era o único, xa que por aquela zona eran moitos os que aproveitaban as múltiples fontes de granito. Era un bo canteiro, boísimo, pero aínda así non gañaba moito; eran demasiados os que compartían a súa profesión e a xente non se fixaba nel como debería, esta situación convertera a Fausto o canteiro nunha persoa cobizosa e desagradable. “Se eles soubesen de min…” dicíase e botaba a culpa da súa soidade aos demais canteiros.

   O seu último traballo fora un Peto de Ánimas. Aínda non estaba rematado. Tiña pensado facerlle un pequeño santiño, na parte superior, incrustado dentro dun arco. Así que un día, colleu a súa maza e o punteiro e púxose a traballar. Cando rematou, días despois, deixou as súas ferramentas e observou a súa obra. Pensaba en poñela na encrucillada que comunicaba co pobo veciño para que todos a viran e así gañase fama.

   Pero cando Fausto o canteiro despertou ó día seguinte, non encontrou o seu Peto de Ánimas por ningures. Buscouno durante horas e horas, pero non daba atopado con el. “Isto é unha locura”, pensou “é imposible que desaparecera, e polo de agora, patas non ten”. Co seu gran traballo aparentemente roubado, saíu para a canteira triste e amoucado. De súpeto, cando pasaba polo cruce do camino, escoitou unha voz clara e preciosa que dicía:
          Canta miña pedra,  canta
          ó compás deste punteiro.
          Canta miña pedra canta
          faille compaña ao canteiro

   Voltouse e viu o seu Peto de Ánimas sobre un montículo de terra, maxestuoso (aos seus ollos) e observou que o pequeno santiño de arriba se movía e que volvía a cantar:
         Canteiro que desfilas
         con ollos de fracaso.
         Pídeme o que queiras
         salva o teu traballo

   Fausto o canteiro, sorprendido, caeu ó chan cando viu que o santiño lle falaba. O seu corpo tremía de medo, pero seguiu a escoitar. “ Imposible” dicíase, “debe ser un soño”. Pero, por esa mesma razón, non tiña nada que perder, así que contestou, pensando no seu dourado futuro:
“-Quero ser famoso”.

   E acto seguido, a súa pel púxose ríxida e áspera, dun aspecto grisáceo e sentiu que non se podía mover. Pero non lle deu tempo sequera a pensar no que ocorría, cando o seu corpo convertiuse en pedra. E así pasou Fausto a estatua centos de anos, na encrucillada do camiño. E converteuse na estatua máis fermosa en toda a provincia.

                                                       PABLO BOUZA BERNÁRDEZ – 3º ESO C